Logo de Amnistia Internacional
CABECERA

Sección Española | Galicia | Vigo

Formulario para buscar dentro de la web de Amnistía España
CONTENIDO

Inicio  Noticia

Noticia
Vigo. 06-11-18
DIONISIA LÓPEZ AMADO

MEMORIA DUNHA GALEGA NAI DE PLAZA DE MAYO

Haz clic para ampliar

O día 9 de novembro ás 20.00 horas terá lugar a inauguración da Exposición de fotografías. Pintadas e Carteis, Homenaxe a Dionisia López Amado, nai de Plaza de Mayo na Sala Microgalería QUADRO, C/ Fermín Penzol,10 de Vigo.

 Este é o primeiro acto do conxunto de actividades que organizan durante este mes os Amigos e Amigas de Dionisia López Amado e Amnistía Internacional  Vigo, coa colaboración dos Concellos de Cangas e Moaña e a participación do Concello deVigo. Será seguido por varias conferencias e a colocación de dúas placas conmemorativas, que completarán esta homenaxe a unha muller sinxela,  única e valente, á que as vicisitudes do destino colocaron ante unha das traxedias máis dolorosas para unha nai: o tráxico secuestro e desaparición do seu fillo Antonio e da súa nora Stella durante a ditadura militar arxentina..

A galega do Norte, a galega do Tigre, como a coñecían nas asociacións e organismos de defensa dos dereitos humanos en Arxentina, faleceu en Buenos Aires o 28 de novembro de 2008. Naceu en 1928 en Cedeira (Galicia) e como para moitas e moitos o camiño da emigración foi unha ruta natural na busca dun horizonte para a vida. Emigrou co seu fillo aínda en mantillas a principios dos anos cincuenta do século pasado cara á Arxentina. Alí continuou aquel camiño e estableceu unha familia, un traballo e un lugar onde asentar os desexos e realizar o futuro.

Ese futuro gardaba unha brutal mañá: o secuestro e posterior desaparición do seu fillo e da súa nora, consecuencia do pesadelo de sangue, terror e crueldade que significou o golpe de estado militar do ano 1976 en Arxentina. Miles foron os que desapareceron. Comezou aí a nova ruta de Dionisia que a levaría a ter unha presenza pública constante, co seu corpo, coa súa voz, co seu berro, na procura incesante de solidariedade internacional para que nese horizonte de futuro fixese aparición a xustiza e quedase ao descuberto a impunidade.

 Tivo desde sempre moi claro que a defensa dos dereitos humanos forma parte esencial da vida pública. Dionisia foi unha daquelas mulleres –as nais de Plaza de Mayo- que vestiron as rúas e as prazas de Arxentina cos seus panos brancos e un caudal de valentía inesgotable. Defensoras da vida por medio da procura da verdade, do reclamo de xustiza, da denuncia valente que levaron a cabo para que non quedasen impunes os abusos atroces contra os dereitos humanos cometidos pola ditadura arxentina entre 1976 e 1983.

 Nesa procura, Dionisia andou camiños, visitou países e veu tamén a Galicia. Durante todo o verán de 1997 percorreu cun grupo de xentes de aquí numerosos concellos para solicitar axuda coa que poder facilitar a viaxe de testemuñas dos crimes de lesa humanidade perpetrados no seu país de acollida, e así axudar na causa aberta no xulgado nº 5 da Audiencia Nacional para a elaboración do sumario e posterior xuízo aos culpables.

 Agora, no décimo aniversario do seu falecemento, queremos lembrala aquí, en Galicia, nesa primeira etapa no camiño da súa vida. O seu exemplo proporciónanos unha oportunidade óptima para abordarmos desde unha reflexión compartida, algúns dos aspectos que no tema da memoria e a súa relación coa historia forman hoxe parte do debate público. A súa exemplaridade activa así como a de centos de nais fixéronnos máis dignos a todos.