Logo de Amnistia Internacional
CABECERA

Sección Española | Galicia | Vigo

Formulario para buscar dentro de la web de Amnistía España
CONTENIDO

Inicio  Noticia

Noticia
Vigo. 24-02-16
PRESENTACIÓN DO INFORME ANUAL

“Os teus dereitos perigan”, asalto global ás liberdades.

Amnistía Internacional presenta o seu informe anual no que se analiza a situación dos dereitos humanos no mundo.

Haz clic para ampliar
  • O voceiro de Amnistía Internacional Vigo, Manuel Barreiro, advirte de que “non só perigan os nosos dereitos, senón tamén as leis e os sistemas que os protexen”.

  • España non escapa a esta tendencia internacional limitando a liberdade de expresión e o dereito de reunión pacífica e desatendendo ás recomendacións dos mecanismos internacionais en canto á protección dos dereitos humanos no noso país.

  • Alén dos medios de comunicación, o informe, que analiza a situación dos dereitos humanos en España, será entregado tamén ás autoridades e partidos políticos galegos.

A entidade territorial de Amnistía Internacional en Galicia presentaba hoxe o Informe Anual da Asociación. O informe anual é un documento que elabora cada ano Amnistía Internacional e no que se analiza a situación dos dereitos humanos no mundo durante o 2015. A análise individual dos 160 países e territorios que compoñen este informe da testemuño do sufrimento que moitas persoas soportan ao redor do globo, xa sexa por mor dun conflito ou ao ser obxecto de desprazamento forzado, discriminación ou represión. O escrito, que mañá fará publico a organización, tamén reflicte a puxanza e o alcance do movemento a prol dos dereitos humanos e analiza os avances realizados para protexer e garantir eses dereitos.

Durante a rolda de prensa de presentación, Manuel Barreiro, voceiro do grupo local de Amnistía Internacional Vigo afirmou que “o informe reflicte o perigo que corren os nosos dereitos, que son tratados con absoluto desprezo por moitos gobernos do mundo”. Amnistía Internacional advirte dunha tendencia insidiosa e progresiva ao enfraquecemento dos dereitos humanos, froito da acción deliberada de gobernos para atacar, abandonar ou non financiar as institucións creadas para axudarnos a protexer os nosos dereitos.

“Non só perigan os nosos dereitos, senón tamén as leis e o sistema que os protexen. Máis de 70 anos de duro esforzo e avances en materia de dereitos humanos están na corda frouxa”, destacaba. No ano 2015 máis de 122 Estados exerceron a tortura ou outros malos tratos e 30 ou máis obrigaron ilegalmente a persoas refuxiadas a retornar a países onde corrían perigo. En polo menos 19 países, o goberno ou grupos armados cometeron crimes ou outras violacións das “leis da guerra”.

Amnistía Internacional advirte igualmente sobre unha tendencia preocupante nos gobernos, que cada vez adoptan máis medidas e emprenden máis ataques contra activistas, profesionais da avogacía e outras persoas que traballan na defensa dos dereitos humanos.

“En lugar de recoñecer o papel fundamental destas persoas na sociedade, moitos gobernos propuxéronse acalar por completo as críticas no seu país. Saltáronse as súas propias leis nas súas campañas de represión contra a cidadanía”, explicou Antía Pérez, voceira do grupo vigués presente na rolda de prensa.

España non é unha excepción

España participa tamén nesta tendencia de recorte de liberdades e dereitos. No seu informe anual, Amnistía Internacional denuncia que coa entrada en vigor da Lei de Seguridade Cidadá e da reforma do Código Penal, o pasado mes de xullo, limitouse o exercicio lexítimo da liberdade de expresión e o dereito de reunión pacífica. Establecéronse límites adicionais sobre onde e cando deben celebrarse manifestacións, e outorgáronse amplas competencias ás forzas de seguridade que poderían multar con até 30.000 euros a persoas que mostren "falta de respecto" ou que graven imaxes de axentes de policía en determinadas circunstancias.

Durante 2015, reformouse o Código Penal en materia antiterrorista. A definición de terrorismo é tan vaga, que até o Relator Especial de Nacións Unidas para a liberdade de expresión, alertaba de que estas modificacións podían penalizar comportamentos que até entón non constituían delitos de terrorismo e restrinxir desproporcionadamente o lexítimo dereito da liberdade de expresión. “O que pasou cos titiriteiros detidos en Madrid o pasado 6 de febreiro, acusados de enaltecemento do terrorismo polo contido do seu espectáculo, é un exemplo de como a ampla definición de terrorismo pode supor un límite desproporcionado ao dereito á liberdade de expresión”, destacou Manuel Barreiro.

No ámbito internacional, España tivo unha política de dobre rapadoira. Deu pasos positivos pedindo que os membros permanentes do Consello de Seguridade se autolimiten no uso do veto, participando na adopción de resolucións como a Resolución 2242 (2015) do Consello de Seguridade sobre mulleres, paz e seguridade, ou demandando un maior seguimento e implementación das recomendacións de dereitos humanos dos mecanismos de Nacións Unidas. Pero por outra banda, o Goberno fixo reformas lexislativas contrarias ao dereito internacional e desatendeu as diferentes recomendacións que organismos como Comité de Dereitos Humanos ou o Comité contra a Tortura de Nacións Unidas, entre outros, fixeron a España en diferentes ámbitos. O Estado español alegou que non existen mecanismos procesuais que obriguen a dar cumprimento ás devanditas decisións.

“España recibiu diferentes chamadas de atención por legalizar a expulsión sumaria de persoas migrantes, solicitantes de asilo e refuxiadas nas fronteiras de Ceuta e Melilla; por non regular o delito de tortura nin de desaparición forzada tal e como establecen os estándares internacionais; por deixar sen asistencia sanitaria a preto de 750.000 persoas migrantes en situación administrativa irregular; ou porque é necesario adoptar unha política estatal de vivenda cun enfoque de dereitos, con especial atención a persoas en situación de vulnerabilidade”, relatou Antía Pérez.

Por último, os compromisos asumidos por España coa Unión Europea sobre recolocación de persoas procedentes do conflito sirio cúmprense moi lentamente. O Goberno español comprometeuse a recolocar a máis de 17.000 persoas de Grecia e Italia, cando só chegaron 18 en 2015. Tamén se comprometeu a reasentar a 854 persoas procedentes de diferentes países entre 2014 e 2015, das cales só 90 chegaron á península. Mentres tanto centos de persoas esperan hacinadas no CETI de Melilla, en moitos casos sen a debida atención médica e psicolóxica.