Logo de Amnistia Internacional
CABECERA

Sección Española | Galicia | Vigo

Formulario para buscar dentro de la web de Amnistía España
CONTENIDO

Inicio  Noticia

Noticia
Vigo. 04-06-17
A defensora Martha Lucía Rojas Giraldo visita Vigo no marco da campaña Valente organizada por Amnistía Internacional

• Amnistía Internacional lanza unha nova campaña global, co fin de deter a onda de ataques contra os que defenden os dereitos humanos.

• Os defensores e defensoras dos dereitos humanos, como Martha Lucía, enfróntanse a unha agresión sen precedentes a escala global no medio dunha retórica de demonización, restricións á sociedade civil e uso xeral da vixilancia.

Haz clic para ampliar

Líderes comunitarios, profesionais da avogacía, periodistas e outros defensores e defensoras dos dereitos humanos en todo o mundo afrontan niveis inéditos de persecución, intimidación e violencia, advertiu Amnistía Internacional na presentación da súa nova campaña global, que pide a fin da avalancha de ataques contra persoas valentes que loitan contra a inxustiza.

“O que presenciamos hoxe é unha agresión descomedida por parte dos gobernos, grupos armados, empresas e outros actores con poder contra o dereito mesmo a defender os dereitos humanos. As persoas  que os defenden son os que levan a peor parte desta agresión de dimensións globais” dixo José Antonio Rodríguez, portavoz de Amnistía Internacional Vigo.

“Dende o presidente Putin ao presidente Xi e ao presidente Al Sisi, líderes en todos os continentes están desmantelando progresivamente as bases necesarias para unha sociedade libre, xusta e igualitaria. Ao despoxalas do seu dereito a protestar, colocalas baixo vixilancia e convertelas, xunto coas súas comunidades, no branco de acoso, ameazas e agresións físicas, os gobernos están cortando o subministro de osíxeno aos que defenden os nosos dereitos”.

Nun novo documento “Defensores e defensoras dos dereitos humanos baixo ameaza. A redución do espazo para a sociedade civil!”, Amnistía Internacional presenta algunhas das ferramentas de supresión dun perigoso arsenal contra os defensores e defensoras dos dereitos humanos: homicidios, desaparicións forzadas,  represións do dereito a protestar de forma pacífica e o uso indebido de leis penais, civís e administrativas. Estas ferramentas combinadas coa vixilancia masiva e o uso xeral das novas tecnoloxías creou un nivel de perigo sen precedentes para os que defenden os dereitos humanos, advirte o documento. 

Converteuse nunha persecución cada vez máis letal: en 2016, 281 persoas perderon a vida en todo o mundo por defender os dereitos humanos, fronte as 156 que morreron en 2015, de acordo coas probas da ONG Front Line Defenders.

“Uns líderes autoritarios e populistas queren facernos crer que desexan o mellor para nós, pero non é así. De feito, os que defenden os dereitos humanos son os que loitan por nos – e se enfrontan á persecución por atreverse a facelo. Agora, en 2017, a súa difícil situación  chegou a un punto crítico debido ás medidas adoptadas por Estados abusivos”, dixo José Antonio Rodríguez.

Amnistía Internacional sinala que en 2016:

·       En polo menos 22 países houbo persoas ás que mataron por defender pacificamente os dereitos humanos;

o   en 63 países os defensores e defensoras foron obxecto de campañas de desprestixio;

o   en 68 países foron arrestados ou detidos solo pola súa labor pacífica; e

o   en 94 países recibiron ameazas ou sufriron agresións

“Gobernos de distintas tendencias políticas, cando non ameazan ou fustrigan os que defenden os dereitos humanos, intentan cultivar unha hostilidade aberta cara eses defensores e defensoras mediante a propagación dunha retórica demonizadora que representa as persoas activistas como terroristas ou axentes estranxeiros. Esta afirmación non podería estar máis lonxe da realidade,” afirmou José Antonio Rodríguez.

“A pregunta agora é: “¿imos permanecer de brazos cruzados e permitir que os que  están no poder prosigan os seus esforzos para eliminar os defensores e defensoras dos dereitos humanos, que adoitan ser a última liña de defensa dunha sociedade libre e xusta? ¿ou levantarémonos e interpoñerémonos?

Amnistía Internacional lanza unha nova campaña para “protexer os e as valentes”

Á luz dos perigos inéditos que afronta a comunidade de activistas de dereitos humanos, Amnistía Internacional lanza unha nova campaña, #Valente, que pide aos Estados que recoñezan o traballo lexítimo dos que traballan para defender a dignidade inherente e a igualdade dos dereitos de todas as persoas, e que garantan a súa liberdade e seguridade. Así mesmo, Amnistía Internacional pide que os países apliquen aquelo ao que se comprometeron cando as Nacións Unidas aprobaron a Declaración sobre os Defensores dos Dereitos Humanos en 1998.

A campaña global destacará os casos de persoas que se enfrontan a un perigo inminente debido ao seu traballo na esfera dos dereitos humanos, captará o apoio dos gobernos e fará presión sobre os  responsables da toma de decisións para que fortalezan os marcos xurídicos. Ademais, Amnistía Internacional seguirá investigando os ataques contra activistas e traballará coas comunidades para mobilizar as persoas para que actúen.

Co motivo desta campaña, Martha Lucía Rojas Giraldo visitará Vigo o 6 de xuño para dar unha charla as 8.30 no café de Catro a Catro; tamén participará nunha actividade no IES do Castro, dentro da Rede de Escolas de AI. Outras cidades galegas como  A Coruña,  Boiro, Pontevedra, Santiago de Compostela ou a Pobra de Caramiñal contarán tamén coa súa presenza entre os días 5 e 9 de xuño.

Sen a súa valentía, o noso mundo é menos xusto e menos igualitario. Por esta razón pedimos a todos e todas – non só aos líderes mundiais – que apoien e protexan os que defenden os dereitos humanos.