Logo de Amnistia Internacional
CABECERA

Sección Española | Galicia | Vigo

Formulario para buscar dentro de la web de Amnistía España
CONTENIDO

Inicio  Noticia

Noticia
Vigo. 07-12-16
Amnistía Internacional lanza a campaña #PersoasPorPersoas no Día Internacional dos dereitos humanos

Ai Weiwei e miles de activistas en todo o mundo actúan por persoas en risco inminente de violación dos seus dereitos humanos

Haz clic para ampliar

 Con motivo do 10 de decembro, día internacional dos dereitos humanos, o artista disidente chinés Ai Weiwei participa, xunto a miles de activistas de Amnistía Internacional, na campaña #PersoasPorPersoas. Trátase dunha iniciativa mundial que denuncia as ameazas, o encarceramento inxusto, a discriminación ou a intimidación que sofren persoas con nome e apelido que se atopan en risco inminente. A campaña busca darlle visibilidade ás súas situacións e lograr avances concretos nos seus casos.

Ai Weiwei creou para a ocasión unha serie de ilustracións para poñerlle rostro a estas  persoas. O seu traballo súmase así á acción individual de miles de persoas que escriben unha carta, envían un fax, asinan unha ciberacción ou achegan unha firma no seu apoio.

“Participo nesta iniciativa para apoiar as persoas que sufriron por facer ou dicir cousas que os seus gobernos non aprobaban. Como artista, a liberdade de expresión é esencial para o meu traballo, e sei por experiencia propia o que sucede cando esa liberdade entra en conflito co poder, e o importante que é o apoio global cando o Estado tenta silenciarche. O permitir que a xente se exprese é o que diferencia unha sociedade moderna dunha sociedade bárbara”, manifestou Ai Weiwei.

“Amnistía Internacional pide á xente que se tome a inxustiza como algo persoal, e hai poucas maneiras máis directas de actuar que asinar unha carta ou unha ciberacción para dicirlle a unha persoa valente que a apoias, ou para lembrar ás autoridades que estamos a vixiar o que fan”, declarou Esteban Beltrán, director de Amnistía Internacional en España.

En España, Amnistía Internacional denuncia os casos de Annie Alfred, vítima da superstición e a maxia en Malawi polo mero feito de ser albina, Máxima Acuña atacada por defender a terra e o  medio ambiente en Perú e Eren Kesin procesada máis de 100 veces en Turquía por alzar a voz contra o goberno .

Vítima da superstición e da maxia

Annie Alfred é unha nena como calquera outra de Malawi. Os seus amigos e a súa familia quérena. Ten 10 anos e de maior quere ser enfermeira. Pero tal vez non viva o suficiente para cumprir os seus soños porque hai xente que cre que o seu corpo ten poderes máxicos, e pensa que non é humana.

Annie naceu con albinismo, trastorno hereditario que impide ao seu corpo producir a cor, ou a melanina, necesarias para protexer a súa pel do sol. En Malawi, entre 7.000 e 10.000 habitantes comparten este trastorno. Todos eles corren o perigo de ser perseguidos e asasinados por xente que cre que se fará rica coas partes do corpo dunha persoa albina. As agresións contra persoas con albinismo aumentaron drasticamente desde novembro de 2014. Só en 2015, denunciáronse 45 casos de asasinato ou intento de asasinato e secuestro.

As persoas como Annie non teñen ningún lugar onde estar a salvo. Non só as poden secuestrar os delincuentes, senón tamén membros da súa propia familia. Amnistía Internacional esixe ás autoridades de Malawi que protexa dos asasinatos ás persoas con albinismo.

Atacada pola policía por defender a terra e o medio ambiente

Máxima Acuña non dará marcha atrás. Esta campesiña do norte de Perú fixo fronte a violentos ataques da policía local por negarse a abandonar a terra na que vive coa súa familia. Máxima estableceu unha batalla legal pola propiedade da terra contra a empresa Yanacocha, que controla unha das maiores minas de ouro e cobre do mundo. Cre que o acoso que sofre por parte da policía é unha manobra para afastala do seu fogar, pero non se vai render.

Grazas á súa coraxe, en 2016 foi galardoada co Premio Goldman, considerado como o Nobel ambiental.  Amnistía Internacional quere asegurar que ela e a súa familia poidan vivir en paz nas súas terras, ata que os tribunais tomen unha decisión definitiva. Para iso pide ás autoridades de Perú que os protexan da violencia e a intimidación.

Procesada máis de 100 veces por alzar a voz

Eren Keskin, avogada e antes directora dun xornal, leva máis dunha década criticando abertamente o Estado turco. Hai 11 anos pronunciou un discurso co que as autoridades se enfureceron porque as acusaba de “ter matado un neno de 12 anos”: Ugur Kaymaz. Para Eren, a morte deste neno en 2004, a mans do exército, é unha das moitas infamias da historia de Turquía.

Por este e outros artigos publicados no xornal  kurdo que dirixía, foi acusada en repetidas ocasións de insultar o Estado turco e o presidente. Eren foi levada ante os tribunais máis de 100 veces por facer oír a súa opinión sobre a grave situación da minoría kurda en Turquía. O enorme número de causas abertas na súa contra constitúe, claramente, un caso de acoso. E a Eren esgótaselle o tempo: se se celebran novos xuízos, podería ser encarcerada en calquera momento e por moito tempo. Amnistía Internacional pide ás autoridades de Turquía que non a encarceren.

Paga a pena loitar

Na campaña #PersoasPorPersoas que Amnistía Internacional lanzou en 2015, con motivo do día internacional dos dereitos humanos, participaron centos de miles de persoas de máis de 200 países e territorios. Enviáronse máis de 3,7 millóns de cartas, mensaxes electrónicas, SMS, faxes, tuits e comunicacións similares, e converteuse na campaña de dereitos humanos máis grande do mundo. As firmas contribuíron a lograr grandes vitorias en materia de dereitos humanos en todo o mundo.

·       República Democrática do Congo: O 30 de agosto de 2016, os mozos activistas Fred Bauma e Yves Makwambala foron postos en liberdade baixo fianza tras ser detidos nunha conferencia de prensa e ser acusados de formar unha banda delituosa e tentar derrocar ao goberno. Ata a súa liberación, Fred e Yves estaban á espera de ser xulgados nun proceso no que poderían ser condenados á morte. Activistas de Amnistía Internacional escribiron máis de 170.000 mensaxes de apoio pedindo a súa liberación.

·       México: O 7 de xuño de 2016, Yecenia Armenta foi absolta e posta en liberdade, despois de pasar catro anos encarcerada. En 2012 fora golpeada, semiasfixiada e violada durante 15 horas de tortura ata que se viu obrigada a “confesar” a súa implicación no asasinato do seu esposo. Activistas de Amnistía Internacional enviaron 318.000 mensaxes sobre o seu caso.

·       Estados Unidos: O 19 de febreiro de 2016, o estado de Luisiana puxo en liberdade a Albert Woodfox, 44 anos despois de que fose recluído por primeira vez en réxime de illamento, e despois de tres sentencias xudiciais que anularon a súa declaración de culpabilidade. Máis de 240.000 persoas emprenderon accións en favor de Albert en 2015.

“Dicíao o recentemente falecido Marcos Ana, un dos primeiros presos de conciencia polos que traballou Amnistía Internacional en España e cuxa intervención contribuíu a lograr a súa liberdade: vale a pena loitar. Unha mensaxe de solidariedade dun descoñecido pode dar forza a persoas que perderon a esperanza, e pode facer reflexionar a autoridades que perderon a compaixón. Que corra a voz: escribir unha carta ou asinar unha ciberacción pode cambiar unha vida”, declarou Esteban Beltrán.