Logo de Amnistia Internacional
CABECERA

Sección Española | Galicia | Vigo

Formulario para buscar dentro de la web de Amnistía España
CONTENIDO

Inicio  Noticia

Noticia
Vigo. 14-11-17
España, a crise da vivenda non rematou

Co fin de dar visibilidade á crise da vivenda que continúa azoutando España e de conseguir do Goberno un protocolo marco sobre desaloxos que sexa de aplicación a nivel autonómico e local, Amnistía Internacional de Vigo convoca un acto de rúa para o día 18 de Novembro na rúa do Príncipe, ao carón do Farol de Urzaiz, de 11.00 a 13.30.

Haz clic para ampliar

A violación do dereito á vivenda como consecuencia dos desafiuzamentos aínda non terminou e  afecta centos de miles de persoas. En 2016, tiveron lugar 34.193 desafiuzamentos. É esta unha crise rodeada de escurantismo e que non prexudica a todas as persoas por igual. Ten un efecto engadido sobre as mulleres, especialmente as que encabezan os fogares monoparentais, mulleres con discapacidade ou mulleres vítimas de violencia doméstica. Isto sucede nun país que conta cunha das porcentaxes de vivenda social máis baixas da UE, o 2%. O orzamento público español para acceso á vivenda e fomento da edificación en 2016 apenas superou os 587 millóns de euros, que é o 36,5% menos que en 2009 e, ademais, a tendencia de redución de gasto público en vivenda agudizouse, xa que en 2017 esta partida unicamente contou con 474.242 millóns de euros, o que representa unha redución do 70,4% do orzamento desde 2009.

O Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais de Nacións Unidas pediu a España en 2012 que recompilase información estatística desagregada con vistas a identificar as persoas e grupos afectados polas medidas de austeridade. Con todo, ata a data o Goberno non levou a cabo esta recomendación. Estes datos son esenciais para contar cun diagnóstico sobre as necesidades de vivenda da poboación e deseñar unha estratexia en materia de vivenda que garanta de maneira efectiva o dereito á vivenda adecuada, dando prioridade aos colectivos máis desfavorecidos.  Pero o Goberno non adoptou medidas orientadas a protexer máis as persoas. Pola contra, as medidas que tomou contribúen á súa desprotección e desamparo. A Lei de Axuizamento Civil non obriga expresamente os xuíces a examinar a proporcionalidade de cada desaloxo baseada nas circunstancias persoais do caso. Isto afecta de maneira especial ás mulleres, que constitúen unha parte desproporcionadamente alta dos que realizan traballos a tempo parcial, adoitan estar no lado inferior da brecha salarial e a miúdo asumen o coidado doutras persoas no fogar. Por outra banda a Lei de Arrendamentos reduce a duración legal dos contratos de aluguer e acurta os prazos xudiciais en caso de desafiuzamento.  A causa última desta desprotección é a consideración da vivenda como un dereito de segunda que non está protexido coas máximas garantías na Constitución.

O dereito á vivenda en España considérase máis como un ben de investimento e consumo que como un verdadeiro dereito humano e tanto en Madrid como en Cataluña a acción sobre o acceso á vivenda e a seguridade na tenencia é insuficiente; así, nun  contexto de crecente demanda de vivenda social, as autoridades autonómicas e locais de Madrid venderon, entre 2011 e 2013,  4.800 vivendas sociais e outras propiedades a fondos de investimento que nos anos sucesivos foron desaloxando  inquilinos que non podían seguir pagando os seus alugueres, que se supoñía que eran alugueres sociais. Mentres que  se lles denegaba a prórroga das axudas á vivenda debido a que as súas casas xa non eran de propiedade pública. Na súa actuación as autoridades non tiveron en conta o feito de que a vivenda social desempeña un papel crave na satisfacción do dereito á vivenda. En Cataluña, os protocolos de 2013 non aseguran un aloxamento alternativo e os servizos sociais non sempre poden responder a tempo ante a execución dun desafiuzamento. As restricións orzamentarias e a falta de recursos causan prexuízos directos na vida das persoas pese a que, dende 2013, existen protocolos de coordinación entre xulgados e servizos sociais. 

Ante esta situación, Amnistía Internacional esixe ás autoridades de España que o dereito á vivenda sexa unha realidade e non unha promesa incumprida. Para iso, a organización pide ao Goberno:

1.     Que adopte un protocolo marco en relación cos desaloxos, que inclúa medidas destinadas a mellorar a coordinación entre tribunais e autoridades municipais para proporcionar vivendas alternativas adecuadas ás persoas con recursos limitados. Ningunha persoa debe quedar sen fogar por mor dun desaloxo.

 

2.     Que traballe de maneira coordinada coas Comunidades Autónomas para incrementar o investimento en vivenda social e que España aumente o seu parque de vivenda social, para que os servizos sociais dean unha solución a todas as persoas que non teñen recursos.