Logo de Amnistia Internacional
CABECERA

Sección Española | Galicia | Vigo

Formulario para buscar dentro de la web de Amnistía España
CONTENIDO

Inicio  Noticia

Noticia
Vigo. 09-12-17
Maratón de activismo no día internacional polos dereitos humanos

Nova edición de #persoasxpersoas

Haz clic para ampliar

A campaña #persoasxpersoas que arrinca hoxe no contexto do día internacional dos dereitos humanos e que se manterá vixente ata o próximo 22 de decembro ten como obxectivo principal  conseguir firmas, palabras e accións para facer forza ante as autoridades e mostrar o apoio ás vítimas das violacións de dereitos humanos, seres humanos que por seren os que son, polas súas crenzas ou opinións, sofren acoso e persecución. Persoas de todo o mundo sairán ás rúas para mostrar que a mobilización é unha resposta necesaria fronte ás inxustizas e que é crucial defender a quen nos defende. 

Cada mes de decembro, no marco da que é xa a maior campaña de dereitos humanos do mundo, simpatizantes de Amnistía Internacional de todas partes envían millóns de cartas e emprenden accións en favor de persoas cuxos dereitos humanos son obxecto de ataques. O ano pasado emprendéronse polo menos 4,6 millóns de accións en todo o mundo, case 50.000 desde España, onde se organizaron actos en 65 localidades. Nesta ocasión a campaña centrarase en apoiar  defensores e defensoras de dereitos humanos cuxa labor os pon en perigo. 

 En Vigo o acto terá lugar o sábado 16 de Decembro de 11.30 a 13.30 na Praza da Princesa.

“A campaña #persoasxpersoas leva anos ofrecendo esperanza a persoas nos seus momentos máis sombríos.. Sen dúbida, enviar cartas pode cambiar a vida das persoas”, asegura José Antonio Rodríguez, portavoz de Amnistía Internacional Vigo. “Os defensores e defensoras dos dereitos humanos sofren ataques en todo o mundo, son tratados como delincuentes polo mero feito de expresarse na internet ou protexer o medio ambiente; por iso, é máis importante que nunca que lles mostremos que non están sós.” 

 “A campaña #persoasxpersoas transmite ás autoridades a contundente mensaxe de que as estamos observando. Aínda que poidan acosar, censurar ou encarcerar  persoas concretas, non poden acalar os millóns que se solidarizan con elas.” 

Este ano, por primeira vez, tamén recibirán cartas dous membros destacados de Amnistía Internacional que están a ser xulgados en Turquía por cargos infundados relacionados con “terrorismo” debido ao seu traballo na esfera dos dereitos humanos. O presidente de Amnistía en Turquía, Taner Kılıç, foi detido o 6 de xuño de 2017 e segue en prisión. A directora de Amnistía Turquía, İdil Eser, e unha das súas fundadoras, Özlem Dalkıran, forman parte dun grupo de 10 defensores e defensoras de dereitos humanos que foron detidos o 5 de xullo cando asistían a un taller de dereitos humanos. Todos quedaron en liberdade en outubro pero seguen acusados formalmente. 

Voces contra o poder 

Ademais de enviar mensaxes de solidariedade, os e as simpatizantes de Amnistía Internacional poden enviar cartas a persoas que están no poder e pedirlles que protexan aos defensores e defensoras dos dereitos humanos.

 O ano pasado, xunto con ONGs estadounidenses asociadas, Amnistía Internacional entregou 1.101.252 firmas á Casa Branca e pediu ao presidente Obama que indultase o denunciante de irregularidades Edward Snowden. As súas palabras para agradecelo foron: “Quero darlles as grazas, humildemente e de todo corazón, polo seu inquebrantable labor de defensa e apoio. Máis dun millón de vostedes uníronse para dicir cunha soa voz que a verdade importa. A miña gratitude é difícil de expresar”. 

Os activistas congoleses Fred Bauma e Yves Makwambala cando foron liberados en 2016 tras pasaren 17 meses en prisión, quixeron dicir isto aos que lles escribían: “Cada carta, cada visita, cada palabra fortaleceunos e reforzou a nosa vontade neste longa pero xusta loita pola liberdade e a democracia”. 

 Este ano, as persoas e grupos que necesitan o teu apoio con urxencia son:

1.-Sakris Kupila, estudante de medicina finlandés de 21 anos, nunca se identificou como muller. Con todo, debe soportar a diario un trato discriminatorio porque os seus documentos de identidade din que é muller, xénero que lle foi asignado ao nacer. En Finlandia, para obter a re-asignación legal de xénero é necesario ter un “trastorno mental” diagnosticado e someterse a esterilización. Sakris oponse a ese trato humillante e, a pesar de que o seu activismo a favor dos dereitos das persoas transxénero supúxolle ameazas e unha manifesta hostilidade, continúa reclamando que se reforme a lexislación.

 2.- Movemento indíxena MILPAH. Para o pobo indíxena lenca de Honduras, a terra é a súa vida, pero grandes intereses hidroeléctricos, mineiros e doutra índole pretenden explotar ese territorio. O Movemento Indíxena Lenca Independente da Paz ( MILPAH) encabeza a loita contra eles. Os seus membros enfróntanse a campañas de difamación, ameazas de morte e agresións físicas para protexer a súa contorna e, con todo, os seus agresores non comparecen ante a xustiza.

 3.-Turquía. Nestes momentos, 11 persoas que dedicaron a súa vida para defender os dereitos humanos de xornalistas, activistas e outras voces disidentes en Turquía están elas mesmas en situación de perigo. Entre eles atópanse a directora de Amnistía Internacional Turquía, İdil Eser, e o seu presidente, Taner Kılıç, que leva cinco meses en prisión. Todos están a ser xulgados por delitos relacionados con “terrorismo”, un cargo absurdo, e poden recibir condenas de ata 15 anos de prisión.

 Esta iniciativa englóbase na Campaña Global Valente de Amnistía Internacional que condensa a esencia de AI: persoas que axudan persoas onde queira que estean. Nesta campaña pídese aos participantes que actúen a favor de persoas con nome e apelido que sofren abusos brutais e pide aos gobernos de todo o mundo que protexan aos defensores e defensoras dos dereitos humanos.