Logo de Amnistia Internacional
CABECERA

Sección Española | Galicia | Vigo

Formulario para buscar dentro de la web de Amnistía España
CONTENIDO

Inicio  Noticia

Noticia
Vigo. 06-04-15
STOP TORTURA

México: a epidemia da tortura

Haz clic para ampliar

 

A campaña de Amnistía Internacional STOP TORTURA forma parte da loita global da nosa organización contra tal aberrante práctica; para lograr que todas as persoas gocen de protección fronte a esta, pide aos gobernos que implanten mecanismos para previla e castigala. Desgraciadamente, a tortura florece en moitos países do mundo onde gobernos hipócritas a prohiben na lei pero a facilitan na práctica, un deles México.


Amnistía Internacional leva máis de 50 anos documentando que en México a lexislación que tipifica a tortura como delito se incumpre case sistematicamente. As deficiencias do sistema de xustiza penal mexicano continúan facendo posibles a detención arbitraria e a obtención de probas e testemuños mediante tortura para logo utilizalos nos xuízos penais. As torturas aplícanse mesmo a mulleres e menores e van dende as ameazas de morte a descargas eléctricas, violencia sexual, malleiras, introdución de auga con gas ou chile polo nariz, etc. Miles de persoas teñen desaparecido tamén en México, moitos deles ás mans da policía e das forzas de seguridade.

A nosa organización ven de manifestar que, despois do contundente informe publicado recentemente polo relator especial da ONU, que dá conta do xeneralizada que está a tortura entre a policía e as forzas de seguridade mexicanas e destaca o ámbito de impunidade e brutalidade contra o que levamos anos facendo campaña, o presidente Enrique Peña Nieto non pode aducir que descoñece o problema. Pola contra, debe aceptar e aplicar todas as recomendacións formuladas no informe. Segundo o devandito informe existe unha necesidade urxente de abordar o uso xeneralizado da tortura no sistema xudicial.

    Juan Sosa Maldonado é unha das vítimas dese sistema xudicial: dirixente da Organización de Pobos Indíxenas Zapotecos (OPIZ), defensor dos dereitos humanos, de pobos e de comunidades indíxenas en Oxaca, México, acusado de delitos que non cometeu tivo que abandonar o seu país ao sufrir "un intento de execución extraxudicial", despois de padecer torturas físicas e psicolóxicas e pasar tres anos encarcerado. Actualmente encóntrase en España acollido no Programa para Defensores e Defensoras dos Dereitos Humanos de Amnistía Internacional.

 O próximo 13 de abril estará en Vigo convidado polo grupo de Amnistía Internacional na nosa cidade. Aproveitará a súa estanza para visitar distintos centros da Rede de Escolas de AI, e para dar unha charla ás 20:00 horas na sala de conferencias da Sede de Afundación, Policarpo Sanz, 24-26. Tanto na visita coma na disertación dará a coñecer a estudantes e público en xeral a realidade de "un país ensanguentado e convulso" no que "se violan os dereitos humanos".

"en México hai unha inmensa necesidade de xustiza, de que se axude os que caeron en mans do Estado pola súa condición de pobres, pola súa condición de indíxenas,"


Amnistía Internacional esixe aos gobernos, nesta ocasión ao goberno de México, que esa xustiza que reclama Juan Sosa Maldonado se converta nunha realidade, que experiencias como a súa non se repitan, que faga controis independentes dos centros de detención, investigacións independentes e efectivas das denuncias de tortura, o axuizamento dos presuntos autores e unha reparación axeitada ás vítimas.